Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
as cousas de monon
19 mars 2014

PAISÀ

En 1946 Roberto Rossellini filmou Paisà, dividida en seis episodios que se ordenan cronoloxicamente dende o desembarco angloamericano en Sicilia ata a fin da guerra. Os personaxes que se moven por ela son italianos, alemáns, ingleses e americanos e a película está rodada nos idiomas de cada un deles. Paisà ten momentos -toda ela é admirable- dos que fan do cine unha arte inmortal e son moitos e moi interesantes os temas e subtemas que poderiamos perseguir. Hoxe a min só me interesa un: o da lingua.

Neste conmovedor filme, testemuño do horror da guerra e do seu definitivo efecto desmoralizador -no estrito sentido da perda absoluta de valores morais- sobre as comunidades humanas, os personaxes loitan por facerse comprender uns aos outros expresándose cada un na súa propia lingua. Unhas veces o conseguen e outras non, pero nós, os espectadores, conseguímolo sempre; conseguimos comprender o seu intento comunicador e a súa expresión efectiva. Nós entendémolo todo por enriba da incomprensión á que eles están condenados. Non coñezo a versión dobrada desta película extraordinaria, se é que a hai. Horrorízame imaxinar a desfeita que puideron perpetrar se ao dobrala o fixeron seguindo os criterios que adoitan ser habituais.

 

 

Acabo de ver, practicamente sen respiro, as tres primeiras tempadas da serie americana Boardwalk Empire. Sen dúbida merece análise detida esta serie. Son moitos e de moi diversa índole os aspectos a considerar nos 36 episodios que papei sen trégua, pero iso quedará para outro momento. Agora é outro o tema que me reclama: a diglosia que non cesa e o bilingüismo puro que non acabo de ver. O monolingüismo xa sabemos que non está en ningunha parte. Refírome a Galicia, claro.

Boardwalk Empire é unha serie americana e, xa que logo, está realizada en inglés. Os personaxes falan todos eles inglés. Si, pero todos eles tamén, todos sen exclusión, son inmigrantes en primeira, segunda e mesmo terceira xeración. Todos conservan a súa lingua, a súa cultura e as súas tradicións de orixe. Por iso, practicamente todos, ademais de inglés, con maior ou menor corrección -algún utiliza chapurrada só cualificable de castrapo-, falan a súa lingua materna: italiano, dialectal, por suposto, gaélico, yidish, noruegués, ruso... O idioma que os personaxes falan en cada momento, xoga un papel de relevancia primordial. É, xunto con outras notas que se atribúen a cada un deles, un claro elemento caracterizador. A lingua que falamos defínenos. Supoño que isto podemos aceptalo sen moitas voltas.

Teño entendido que Shakespeare, entre outras cousas, naturalmente, se valía da lingua para caracterizar os seus personaxes. Dotábaos de acentos característicos das diversas zonas de Inglaterra que os actores debían impostar.

 

No que se refire ao cine, a dobraxe por desgracia arrambla con todo iso. En ocasións dun xeito sinxelamente estúpido, difícil de asimilar.

Hai pouco vin unha película, London River, na que dous personaxes, unha muller inglesa e un negro africano e francófono, cargan co peso da historia. Nunha escena que se desenvolve nunha comisaría de Londres, interveñen tres actores, os dous antes citados mais un policía.  Na versión dobrada todos falan en castelán durante toda a metraxe da película. Prodúcese un diálogo máis ou menos coma sigue:

O POLICÍA. - (á muller sinalando ao africano). Este home fala en francés. Se quere eu tradúzolle.

A MULLER.- Non, non. Enténdoo perfectamente.

Pero nós escoitámoos en todo momento aos tres en castelán.



Na película italiana Tutti á casa, (soberbio monumento á capacidade de valerse do humor para introducirmonos nunha situación que nos leva case ao límite do espanto: Italia ocupada polos alemáns e en guerra civil tras a capitulación de Badoglio, e invadida por ingleses e americanos), os personaxes fan unha viaxe dende o Norte ata o Sur, pasando por Roma. Eu vina en versión orixinal acompañado duns amigos italianos. Os meus amigos fixéronme notar como, segundo baixaban no mapa, o idioma italiano ía cambiando.  Na versión dobrada, que tamén vin, todos eses matices pérdense. Todo queda uniformado e, por moito que se facilite a comprensión, todo o filme, todo, remata empobrecido.

Quedemos co adxectivo: uniformado. Ao suprimir acentos, cantinelas, dialectos, xergas étnicas ou grupais, mesmo falas individuais, e xa non digamos linguas propias con indiscutible entidade, como vimos: francés, italiano, yidish, noruegués, ruso... deixamos nun rexistro plano, absolutamente empobrecido, ás veces mesmo ridículo, algo que debía chegarnos pleno de múltiples resonancias significativas. Estragamos o vizoso esplendor dun campo repleto de semánticas.

 Pois isto, se se me permite dicilo, exactamente isto, é o que nos acontece aos galegos que escribimos ficción en galego. Uniformamos o fala dos nosos personaxes convertendo o instrumento do que nos valemos para crear a nosa ficción, nunha ficción en si mesmo. Obviando o rexistro culto ou popular, pulido ou groseiro que asignemos aos nosos personaxes, todos eles falan galego, cando na realidade non é así, nunca é así. A maioría dos personaxes das miñas novelas non falaría galego. Algúns nunca e outros só ás veces. Renunciamos, pois, a un elemento caracterizador dos nosos personaxes sinxelamente formidable: a lingua, e facémolos expresarse noutra na que probablemente nunca o farían, aínda que contamine, seguro que si, a que eles falan. Non se me oculta, non son ningún imbécil, que o mesmo acontecería se contase en inglés ou alemán unha historia protagonizada por españois, poñamos por caso. Pero penso que non é o mesmo, que pode que non sexa o mesmo.

 Nas miñas novelas e contos, os meus personaxes, todos eles, falan en galego e, prescindindo do rexistro ou nivel que corresponda a cada un, nun galego milimétricamente académico, o máis correcto posible. (Sempre dou a revisar os meus borradores a un especialista de confianza. Éche moito o respecto que lle teño ao galego, como para contribuír, eu tamén cos meus escritos maiores, ao despanzurramento cotián ao que se ve sometido o meu pobre). Ningún dos meus personaxes fala castelán, cando a maioría deles falaríao coma lingua única, nin ningún fala castrapo, cando a algún lle acaería facelo.

No eido do audiovisual aínda contamos coa posibilidade do acento ou o seseo ou a gheada. Pero no escrito, como norma, tamén se renuncia a iso.

Prescindimos, pois, a maioría dos galegos que escribimos ficción en galego, dun ou de varios elementos caracterizadores de personaxes que poderían -¿deberían?- resultar de importancia capital. 

En cambio, os escritores galegos que escriben en castelán non só non renuncian a esa arma poderosa para a identificación e caracterización de personaxes, senón que a utilizan de xeito, en moitos casos, maxistral. Penso en Valle-Inclán, ou en Wenceslao Fernández Flórez, ou en dona Emilia Pardo Bazán, ou en Camilo José Cela, por máis que non poda superar a antipatía que lle teño. Eles, na súa obra de temática galega, válense do bilingüismo ou, directamente, da diglosia para crear personaxes de perfís soberbios -pénsese, sobre todo, en Valle-Inclán e Camilo José Cela- ou sinxelos e tenros, entrañablemente telúricos se pensamos en  Wenceslao Fernández Flórez.


E cómpre ter moi presente que en ningún caso caen na parodia. De ser así, veriamonos na obriga de situarnos inmediatamente noutro terreo.

 

 

P.S.-Os posibles, e seguramente raros, visitantes deste blogue, deben saber que Monón -o de Monón Díaz débese a que o Monón xa estaba collido na rede- adoita transitar sempre os camiños, todos os camiños que se lle abren ao paso. Aínda que, en ocasións non leven a ningures e teña que dar volta e desandar o andado. Monón pensa que o importante é andar.

Publicité
Publicité
Commentaires
as cousas de monon
Publicité
Archives
Publicité