Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
as cousas de monon
16 novembre 2014

CHONA

 

IMG_7660

Podo escribir os versos máis tristes esta noite.

Non. Ninguén pode escribir os versos máis tristes en noite ningunha.
Eu non sei se se cumpriu a profecía e continuou habendo poesía despois de Auschwitz. Poetas hai. E versos, tristes e ledos. Pero a dor que nos envolve é tan atroz, tan desapiadadamente humana, tan vexatoriamente inhumana, que ninguén pode arrogarse a propiedade dos versos máis tristes na noite máis negra. 

Eu, desde logo, non lle concedo esa honra a poeta ningún. Nin cando sinto as miñas carnes estremecidas por mor das súas verbas feridas.

Os versos máis tristes nas noites máis negras xamais se escribiron. Son todos versos viventes encamiñados inapelablemente cara á morte. Son froitos malditos, bastardados, da máis arrepiante inxustiza rutineira, da infamante insolidariedade indiferente que a todos nos salfire.
O meu verso máis triste, agora mesmo, é ben sinxelo: Monón, teño que darche unha mala nova. Morreu Chona.
Chona era --é, porque eu non depoño a teimosa vontade de ser-- a miña IRMÁ.
Chona é, para min, a concreción cabal da FRATERNIDADE.

A fraternidade é unha das categorías esenciais para construír un mundo habitable. 
E eu quero proclamar, sen ningún rubor, que ninguén poderá nunca, en ningunha parte, ter unha irmá mellor que a miña irmá Chona.

Choniña, queridísima Choniña, eu nunca poderei escribir os versos máis tristes na noite máis negra. Ademais, sería indecente: o mundo berra diario os versos máis tristes desde as noites máis negras.
Ademais, ti non quererías verme escribindo os versos máis tristes afundido nas noites máis negras.
Ademais, ti nunca poderías ser un verso triste.

Ven, anda, ven canda min, Chona, irmá miña da alma; ven canda min.
Ven, anda, que aínda temos moito tempo para estar xuntos e temos moito que falar.
Colle o teu bastón, alborota o teu redemuíño de cores cabo do meu brazo e vamos. 

Ven, anda... Chona.

Chona.

(A miña irmá Chona morreu o pasado nove de outubro. Este texto publiqueino en facebook o 13 e logo en EL PROGRESO algún día despois)

Publicité
Publicité
Commentaires
as cousas de monon
Publicité
Archives
Publicité