Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
as cousas de monon
23 avril 2014

FLÚE A CONCIENCIA. DEIXA QUE FLÚA.

Hai un ano, arriba ou abaixo como se ve, que xorraban da miña mente estes pensamentos. É unha estrana maneira de achegar recordos, mais recordos son e así é como veñen. Penso deixalos fluír ata que bata con eles de cheo. Daquela a ver que é o que pasa.

9-4-13. -In spem contra spem. De onde vou tirar a esperanza? Necesítoa, a esperanza? Son ou teño que ser a esperanza para alguén? Que teño que dar, que estou obrigado a dar máis alá da rutina, a pura e simple rutina? Quen marca as miñas obrigas vitais? Quen? Quen establece os meus niveis de esixencia, de autoesixencia? Debe resultar traumática a miña relación con eses niveis?

11-4-13. -Hai algo estraño na vida, polo menos na miña. Canto máis son requirido polo espírito, máis me volvo cara á carne. 

__________ *****__________

Son -era- un amante de Deus. Que muller pode ser tan tola que pretenda substituílo?


__________*****__________

Non creo en Deus. Non podo nin quero crer en Deus. Pero ámoo por encima de todas as cousas.


__________*****__________


13-4-13. -Ser ateo entraña unha gran responsabilidade. Algúns pensan que ser ateo é como pecharse nun cuarto sen ventás e apagar a luz.
Pódese ser ateo de dúas maneiras. Porque Deus se vai da túa vida ou porque ti o botas dela.

__________*****__________

Hai unha frase que eu considero perversa e que non sei de quen é: Vive como pensas ou acabarás pensando como vives. E, ademais, é certa. Moitas veces é a praxe e non a reflexión a que te coloca nunha situación vital. Vulneras ou desbotas unha crenza ou un determinado código moral -ou ético- e logo elaboras a razón que o xustifique. Ás veces resultará perfectamente xusto, outras só será un autoengano.
En calquera caso, pode que o peor fose engolfarse no sentimento de pecado e non saír del.
O sentimento de culpa é destrutivo.

29-4-13. -Por que se empeñan en dicirme que son agnóstico, que sexa agnóstico? Son ateo. Ateo. Entre outras razóns, porque quero.
En contra da insidia que exsudan as igrexas convertendo a fe nun don, un don de Deus, eu proclamo que a fe é un acto de vontade ou non é nada.
A miña non fe é un acto de vontade.

__________*****__________

O primeiro amor e a súa pegada indeleble e doente. Os amores moitas veces rematan, ou sempre rematan aínda que se queira contrariar o seu final cunha pirueta falaz, desesperada fuxida cara a diante, ou rematan sempre, pero volven renacer, ás veces. O primeiro amor é unha perda irremprazable se se diluíu, esfiañado, roto. Un quere volver sempre ao primeiro amor, cunha obstinación ferida, talvez como, din, todos queremos regresar ao útero materno. Nacer e desnacer. Nacerse e desnacerse. Un está sempre volvendo a algún sitio. Resulta que o futuro consiste niso, en retornar. Ulises estableceuno para todos: o seu futuro era regresar a Ítaca.

Levaba xa algún tempo o meu corpo preparado para o amor. O meu corpo desexaba, ansiaba, anhelaba xa o amor había tempo. Era un desexo urxente e doloroso, un desexo de amor que xermolara de pronto cunha animalidade brutal e sen destino. Xermolara de pronto e nin se dirixía a ninguén. Acababa revertendo nun mesmo. Pero pronto comezaba a poboarse de entidades desexables e desexadas. E facíase aínda máis urxente e doloroso.

E neste desconcerto enfebrecido, nesta ansia de amor, de amar, achábame eu. E xa se empeñaran con mimo e atinada sedición en ensucialo todo, en reclamar pudores, inocular inhibicións, en instalar a culpa. Con estas roupaxes ofrecéuseme Deus para que o amase. Deus veu capturar a prema e a dor do amor que xermolara. E o meu corpo, que estaba preparándome, capacitándome a min para chegar a ser amante, retrocedeu aos seus propios lugares máis sombríos para permitir que eu me namorara de Deus, para lograr, Deus e o meu corpo adormecido, que Deus mesmo se erixise no meu amor primeiro, o meu primeiro amor. Coa súa pegada indeleble e doente. Instalado, xa para sempre, no centro do meu ser o eterno desexo de volver. Amor eterno, non porque dure máis alá da morte, senón porque reclama o teu regreso a el unha vez que el xa morreu.

__________*****__________

A mesquindade instalouse cabo de min, na casa na que Deus e eu viñemos dar para consumar o noso amor. Deus é un amante promiscuo, acepta o amor de todos os que queren amalo, déixase amar por calquera.
Non sei como dicilo, estou encerrado como nun harén ou nun prostíbulo, encerrado con outro grupo de amantes do amor que eu amo. Pero igual a este lupanar hai moitos máis. Os amantes de Deus, como Deus non di nada, aparecen a millares por todas as partes, proclaman o seu amor en solitario só con xestos, ou en grupos, a grandes voces.
Na miña casa, o meu harén, o meu prostíbulo, estou rodeado de mesquindade, por iso o digo. Creo que debo dicilo. O meu presente de entón é hoxe o meu pasado e agora seino e podo dicilo; os amantes de Deus adoitan ser case sempre mesquiños.
Houbo tempos, e supoño que tamén será posible agora, en que algúns querían evitar a promiscuidade de Deus e recollíanse en sitios recónditos, apartados, difíciles, para estar a soas con El, para non o compartir con ninguén. Un deles foi Charles de Foucauld que coñecín entón e non me abandonou nunca. Acabo de reencontralo en Marrocos. Xa vos falarei del.
Pero eu non fun un deles. Eu aceptei o amor promiscuo de Deus e vivín durante un tempo -logo sería todo o resto da miña vida- rodeado de mesquindade.

30-4-13.-E resulta que veño, así, nu, inope, desarmado -inerme- dos sotos da ditadura. E ingreso na torpe mesquindade dos sotos dos amadores de Deus, o Deus necrófilo e necrófago.

 

 

Publicité
Publicité
Commentaires
as cousas de monon
Publicité
Archives
Publicité