Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
as cousas de monon
6 avril 2014

VEÑA, HO, ASÍ NON SE CONTA UNHA HISTORIA...

 

1. LARA

 

O meu cuñado chamou preto da media noite. 

 

-Monón-díxo-, as chaves de Begonte telas ti?

 

-Teño-respondinlle-. Por que? Que pasou?

 

Houbo un silencio pouco tranquilizador no teléfono. 

 

-Lara. Morreu-dixo o meu cuñado-.

 

Daquela quen gardou silencio fun eu. Os dous, para ser exactos, gardamos silencio. Cada un agarrado ao seu auricular. O meu aínda era daqueles antigos, negros, de baquelita. O do meu cuñado non, o seu era dos modernos, de tipo góndola e dalgunha cor viva que xa non lembro.

 

-Morreu Lara-dixo o meu cuñado-, e pensamos ir enterrala a Begonte.

 

-Agora?-preguntei.

 

-Claro.-Silencio.-Para non tela na casa…
-Queres que vos acompañe?-ofrecín.

 

 Marchamos os tres a Begonte. Lara ía no maleteiro do coche envolvida nunha manta. Enterrámola iluminados pola luz dos faros. En realidade, o que a enterrou foi o meu cuñado. Cavou unha foxa fonda cunha pa recta, que desenterramos dun alboio sen luz.

 

-Xa chega, ho! Aonde vas?-dicíalle eu de cando en vez, porque, realmente, parecíame máis que suficiente o tamaño da foxa.-Xa vale.

-Non, non; quero afondar un pouco máis-replicaba o meu cuñado sen deixar de manexar a pa-. Poden vir animalias, escarvar e desenterrala e comela.-¡Zas, zas! ¡Ras, ras! A pa.- Doeríame que a pobre Lara rematase así, devorada por un raposo.

 

-Vale, vale, coma ti queiras-repuxen eu, mentres pensaba: dálle, carallo, dálle. Coma non veña o raposo cunha retroescavadora. Pero, dadas as circunstancias era ben mellor non discutir.

 

A miña cuñada estaba sentada sobre a herba húmida e tiña unha man sobre a manta que envolvía Lara. Choraba quediño. Cando escoitou as palabras do seu marido, incrementou o volume do seu choro.

 

Por fin decidimos que a profundidade da cova chegaba. O meu cuñado colleu o bordo da manta e o propio peso da cadela provocou que se desenrolase. Mentres caía no burato, a miña cuñada, saloucando con forza, botou a man ao corpo desmaiado do animal e pronunciou estas palabras solemnes: Hoxe empeza unha nova etapa nas nosas vidas. O meu cuñado non dixo nin que si nin que non, nada,  e comezou a encher a foxa.

 

-Déixame a min, ho!-indiqueille cun aceno pouco convincente cara a pa.

 

-Non te preocupes-dixo el-. Estou ben, estou ben.

 

Eu trataba de manter o tipo. Comprendía, como non o ía comprender?, o sentimento, a dor, daquelas dúas almas que acababan de perder a súa fiel compañeira despois de tantos anos. Pero non podía evitar que me entrasen ganas de rir. Seguramente era unha falta de empatía ou de compaixón ou de respecto pola miña parte, non o vou negar, pero o espectáculo que se producía diante miña, do que eu formaba parte, en realidade, resultábame hilarante. Non o podía remediar. Pero si puiden disimulalo.
Cando quixemos marchar, o coche non arrancaba, quedara sen batería. Empurrámolo o meu cuñado e eu, coa miña cuñada dentro para soltar o embrague a ver se arrancaba. Démoslle varias voltas polo terreo ata que acendeu e caemos detrás del varias veces antes de que o fixese. Regresamos a Lugo en silencio e fomos tomar unha copa a algún lugar próximo á súa casa e á miña. Iamos todos tres feitos uns cristos. A miña cuñada de estar sentada sobre a herba mollada, chorando, o meu cuñado cheo de lama ata os xeonllos e, ademais, tanto el coma min, rebozados logo de caer tres ou catro veces detrás do coche. Uns cristos. Recordo que eu tomei un cubalibre. E recordo tamén que, antes de entrar no bar, pasaba o camión do lixo e o meu cuñado depositou directamente nel a manta que envolvera Lara. Eu pensei que se aquela manta tivese envolvido un neno morto, por exemplo, que doado resultaría desfacerse dela.

 

Non o podo evitar, a min véñenme estas cousas á cabeza. Quero dicir, todas estas cousas, tanto as do enterro da Lara coma as do neno morto envolveito nunha manta que acaba nun camión do lixo. Cada un é como é.

 

Publicité
Publicité
Commentaires
as cousas de monon
Publicité
Archives
Publicité